10.10.10

ANÁLISE E INTERPRETACIÓN FORMAL DE ESCULTURA CONTEMPORÁNEA II: ALBERTO GIACOMETTI

A FIGURA HUMANA E A NATUREZA.
A figura humana. Estudo e tratamento


Estudo e interpretación de obras escultóricas contemporáneas do S. XX
nas que a forma humana sexa o eixe fundamental.


Alberto Giacometti
(Borgonovo, Suíza, 1901- 1966)

Medrou nun ambiente de artistas. O seu pai, Giovanni Giacometti, fora pintor impresionista, mentres que o seu padriño, Cuno Amiet, foi fauvista.
Tras rematar o ensino secundario, trasladouse a Xenebra para cursar estudos de pintura, debuxo e escultura na Escola de Belas Artes e a París, en 1922, para estudar na Académie da Grande Chaumière en Montparnasse baixo a tutela dun asociado de Rodin, o escultor Antoine Bourdelle.
En 1925, abandona a escultura realista e comeza a experimentar e realizar figuras de bronce de clara influencia cubista. Posteriormente, pequenas esculturas realizadas en madeira con forma de estrañas gaiolas, introdúceno no movemento surrealista. André Breton convídao a entrar no grupo dos surrealistas.

 
Cara a 1927, despois de que o seu irmán Diego se convertese no seu axudante, Alberto empezara a mostrar as súas primeiras esculturas surrealistas no Salón das Tullerías. Pouco tempo despois, xa era considerado un dos escultores surrealistas máis importantes de época.
As súas obras reflicten grande enxeño e imaxinación. Segundo os expertos.



 The palace at 4 a.m. (O pazo das catro da mañá, 1932-33) é a súa obra surrealista máis brillante: trátase dunha estrutura arquitectónica que sostén figuras e obxectos suspendidos e expresa a subxectividade e a fraxilidade do ser humano no tempo e no espazo e amosa o interese do surrealismo polo inconsciente e a súa preocupación polo sexo e a violencia.

Na obra Muller culler (1927) destácase ese volume oval e amolecido da femia fértil e reprodutora, como unha homenaxe talvez a esas infladas figuras milenarias das Venus que crearon os primeiros artistas da humanidade nas civilizacións de Extremo Oriente e Extremo Ocidente, dende China a Perú.

Na Muller deitada que soña (bronce, 1929), cunha ironía exquisita celébrase á femia moderna ondulada e á vez ese corpo abstracto é labios e desexo, electricidade, elegancia e transparencia, fluír a través do tempo sen límites.

Entre 1935 e 1940, Giacometti concentrou a súa escultura na cabeza humana, centrándose principalmente na mirada.

Cando a ocupación alemana aumentou a súa presión sobre a capital francesa, Giacometti non tivo máis remedio que fuxir a Xenebra o derradeiro día de  1941. Á súa volta unha vez rematado o conflicto, todo o que tiña feito durante eses anos en Suiza cabíalle nos petos dunha chaqueta. Obsesionouse de tal xeito coa perfección, que as sús figuras fóronse achicando cada vez máis. Tanto, que a pequenez dalgunhas respondía máis á artesanía dun reloxeiro que á meticulosidade dun artista.



Isto foi seguido por unha nova e exclusiva fase artística na que as súas estatuas comezaron a estirarse, alongando as súas extremidades. Tales figuras, habitualmente realizadas en bronce, moitas de tamaño natural ou principio que foron disminuindo en tamaño "ata desfacerselle entre os dedos"( e presentan superficies ásperas e rugosas. Parecería coma se con elas o autor nos quixese mostrar os aspecos máis tráxicos e desoladores da existencia humana, influenciado a fondo polos acontecementos da época que lle tocara vivir.

Tanto en pintura coma en escultura, e mesmo e talvez en primeiro lugar nos innumerables estudos a lapis, a pluma, a bolígrafo, Giacometti non deixará xa de multiplicar as súas aproximacións só a uns cantos seres, e eses intentos de forzar o visible son máis variados do que poderiamos crer.

Unha obra emblemática desa experimentación é O home que camiña (1947), figura humanoide solitaria de formas irregulares e corpo fino, que marcha en puntillas sobre unha superficie, coma se explorase entre a eternidade e o absurdo.


Con isto, as súas obras adquiren grande expresividade e transmiten fraxilidade e debilidade, como se os seus personaxes sentisen unha ameaza de destrución polo medio que os envolve

A obra de Giacometti é famosa en todo o mundo, en especial por estas esculturas longuilíneas que reduciron á máis mínima expresión o corpo e o rostro humanos, como figuras de extraterrestres comprimidas por unha estraña presión atmosférica ou certa inédita gravidade. Obra que leva ao extremo o camiño de abrir novos espazos de percepción e significado, lonxe dos sendeiros indicados pola oficialidade artística.

Algunhas das súas pezas son diminutas e cabían nunha caixa de mistos, tal e como as mínimas obras de escultores anónimos de antigas civilizacións. A figuriñas mínimas de Giacometti, cabezas con intensos ollos negros de intensa interrogación, corpos, membros, foron feitas para ser doadamente transportadas en tempos de guerra.

Non quere representar nas súas esculturas unicamente a aparencia da figura humana senón a percepción completa que temos da persoa. Parece que para manifestar esta visión da realidade necesita adelgazar a imaxe da persoa e espila de detalles. Cando observamos a alguén na distancia o seu aspecto externo se nos esvaece, pérdesenos, pero a súa esencia permanece.

Perfeccionista, Giacometti estaba obsesionado con crear as súas esculturas exactamente como as vía a través do seu exclusivo punto de vista da realidade.

Durante a Segunda Guerra Mundial viviu en Xenebra, onde coñeceu coñece a Annette Arm, con quen casará en 1950, a partires deste ano seguiu o período probablemente máis produtivo da súa carreira. Foi a súa muller a que lle brindou a oportunidade de estar constantemente en contacto con outro corpo humano. Outros modelos atoparan que pousar para el non era un traballo doado, pero Annette lle axudou enormemente, soportando pacientemente sesións que durarían horas ata que Giacometti lograse o que buscaba.
Pouco máis tarde organizouse unha exposición do seu traballo na galería Maeght de París e na galería Pierre Matisse de Nova York, para o catálogo do cal o seu amigo Jean-Paul Sartre escribiu a introdución. A principios dos anos 50, o uso do bronce fixérase economicamente accesible e Giacometti empezou a realizar os seus traballos en bronce.

En 1962 recibiu o grande premio de escultura na Bienal de Venecia, o que lle levou a converterse nunha celebridade internacional.
______________________________________________________________

Proceso na realización do exercicio:

- Visualización a obra do autor, para que o alumnado observe a síntese que realiza o artista.

- A partir desta visualización e cos resultados ofrecidos en exercicios de ideas previas, formúlase realizar a representación dunha figura humana na que a simplificacion da forma sexa o factor dominante e dentro deste o dominio do concepto de verticalidade e movemento  que domina sobre calquera outro.
O alumnado interpretará estas ideas, non se trata de copiar a figura, a referencia vai encamiñada a ofrecer un exemplo de simplificación da forma a partir da visión moi particular realizada por un creador que ao ser tan singular a súa interpretación non pode pasar desapercibida. As características da obra de Giacometti supóñen unha proposta didáctica e atractiva pola súa doada asimilación formal, pero non pola súa doada realización técnica.

- Construír unha armazón (duns 30 – 40 cm.) que permita desenvolver a mesma estrutura compositiva tendo en conta os mesmos principios de: equilibrio, peso, ritmo compositivo, a partir dos conceptos xeométricos que integran os debuxos anteriores.
Os materiais para realizar estes exercicios serán dúctiles e lixeiros de peso (arame, papel enrolado, pasta de modelar..) unidos mediante cola de contacto, cola de papel,cinta de precinto.. Para manexalos deberán ter en conta os conceptos de masa, gravidade, densidade, determinado polos puntos de apoio e centro de gravidade, eixe de simetría.

- Agregar á estructura material para dar maior consistencia á armazón (papel prensado unido con cinta de precinto, cola, etc...) Traballar a figura con técnicas de endurecemento do material, agregando cola e papel, etc.. Terase en conta a aplicación das diferentes opcións de técnicas de rematado.

Contidos conceptuais traballados no exercicio:

- Textura e sensibilización de superficies
- Busca, comprensión e selección, a partir de diferentes fontes, de información relevante relacionada con problemas de produción artística e utilización en contextos de debate e argumentación, distinguindo opinións de argumentos baseados en probas.
- Aplicación da visión analítica e sintética no campo das artes plásticas. Análise da lóxica interna que conforma os obxectos e plasmación mediante un proceso de síntese as propias representacións.
- O volume como proxección ordenada de forzas internas. Patróns e pautas da natureza.
- Elementos da linguaxe volumétrica: plano, volume, texturas, concavidades, convexidades, baleiro, espacio-masa, cor.
- O baleiro como elemento formal na definición de obxectos volumétricos.
- Análise e comprensión dos materiais, as súas posibilidades e limitacións técnicas e expresivas.
- Procesos de materialización e comunicación de ideas. Bosquexo en dúas e tres dimensións.
- Iniciación ás técnicas e procedementos de traballo. Técnicas aditivas (modelado).
- Concepto, técnica e creatividade. Materia, forma e expresión.
- Relacións visuais e estruturais entre a forma e os materiais.
- Os procesos técnicos e a transformación de materiais na Historia da Arte.
- A manipulación artesá e industrial dos materiais no patrimonio de Galicia.

Enlaces para o primeiro exercicio.

Imaxes obra de H. Moore en Flickr.

Fundación H. Moore.

National Gallery of Art.

Barbara Hepworth.

Imaxes de Barbara Hepworth en Flickr.

Imaxes de J. Arp en Fickr.

Fundación J. Arp.

Arp na Wiki.

Retrospectiva de Arp en PDF do Cículo de Bellas Artes.

Buciños na colección Caixanova.